Medio Rural e Inditex colaboran na innovación e mellora forestal de Galicia

Medio Rural e Inditex colaboran na innovación e mellora forestal de Galicia

Lourizan 8 de Abril de 2016

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, acolleu unha nova xuntanza da Comisión de Seguimento do convenio asinado entre ambas partes para esta finalidade

Santiago, 14 de abril de 2016.- A Consellería do Medio Rural e Inditex colaboran no impulso ao sector forestal galego, no marco do “Plan de Innovación e Mellora Forestal 2010-2020”. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, acolleu neste mes de abril unha nova xuntanza (a cuarta) da Comisión de Seguimento do convenio asinado entre ambas partes para esta finalidade.

No encontro de traballo participaron o secretario xeral e do Consello, Antonio Abril, e o director de Sustentabilidade Ambiental de Inditex, Antonio Álvarez, e –por parte da Xunta– o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e o director do centro de Lourizán, Enrique Martínez, entre outras persoas.

O devandito Plan de Innovación e Mellora Forestal ten por obxectivo principal incrementar a produción e a calidade dos produtos forestais, entendidos como materia prima da industria forestal galega. Procura así mellorar a competitividade do eido forestal mediante unha xestión sustentable que garanta a conservación e a protección dos recursos e potencie o efecto dos bosques como sumidoiros de carbono. Trátase, en definitiva, de conseguir un equilibrio de usos dos montes baseado en criterios técnicos de multifuncionalidade que redunde de xeito positivo no contexto socioeconómico de Galicia.

Medio Rural e Inditex estableceron un réxime de colaboración para a aplicación deste plan, reforzando a estrutura do centro de Lourizán. O convenio persegue apoiar tres programas diferentes, centrados nos ecosistemas forestais, a mellora xenética e silvícola e a protección forestal. Ademais, o acordo aborda tamén a dotación de investigadores post-doctorais especialistas nas actividades previstas no plan e a formación de persoal investigador durante o seu período de vixencia.