A XUNTA PON EN VALOR A BIOECONOMÍA MOLECULAR E O COIDADO DOS BOSQUES CON SESIÓNS DE CONTACONTOS INFANTÍS EN LOURIZÁN

A XUNTA PON EN VALOR A BIOECONOMÍA MOLECULAR E O COIDADO DOS BOSQUES CON SESIÓNS DE CONTACONTOS INFANTÍS EN LOURIZÁN

Centro de Investigación Forestal de Lourizán

A iniciativa nace dun convenio entre a Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que se enmarca no proxecto Árbores que dan vida O conto baséase nunha actualización sostible da historia tradicional dos tres porquiños, no que a casa que vence aos sopridos do lobo é de madeira

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, vén de acoller as últimas visitas de escolares a sesións de contacontos sostibles deste curso. Esta iniciativa, da que xa desfrutaron preto de 140 cativos, nace dun convenio entre a Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga) e o CIF de Lourizán, co obxectivo de desenvolver contacontos escolares e charlas divulgativas centradas na bioeconomía circular. Ao mesmo tempo, enmárcase no proxecto “Árbores que dan vida”, unha das principais iniciativas de educación ambiental coas que conta Fearmaga.

Así, o alumnado do CEIP Plurilingüe Froebel de Pontevedra participou hoxe nunha sesión de contacontos baseada nunha versión sostible dos tres porquiños Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco. Trátase dunha actualización do conto tradicional na que a casa que resiste aos sopridos do lobo é a de madeira.

Deste xeito, a historia dos tres porquiños amosoulle aos cativos como os bosques axudan a frear o cambio climático, promoven a biodiversidade e producen a madeira coa que se fabrican as casas, mobles e outros produtos naturais e reciclables.

Na visita os rapaces puideron coñecer tamén o patrimonio histórico e natural do xardín botánico de Lourizán, un dos máis importantes de todo o país, xa que conta con máis de 800 especies forestais, e cave lembrar que o mes pasado certificou a súa adhesión á Rede Europea de Xardíns Históricos. Aparte da sesión contacontos e a visita polos xardín, os escolares aprenderon sobre o coidado dos bosques, a identificación de especies e precaucións para evitar e previr posibles incendios forestais cando saen ao monte.