Castiñeiro

Castiñeiro

Chestnut
DISTRIBUCIÓN DO CASTIÑEIRO

O castiñeiro europeo (Castanea sativa Miller) é una frondosa de elevada importancia económica pola produción do seu froito e a calidade da súa madeira. Presenta unha distribución circummediterránea que se estende dende o Atlántico ata o Mar Caspio, sendo considerada como autóctona na Península Ibérica. Atópase no medio natural de varios xeitos: domesticada nos soutos enxertados de variedades con boa calidade de castaña ou boas características combinadas de castaña e madeira; no monte baixo destinado á produción de varas ou de madeira de pequenas dimensións; e finalmente como especie silvestre principalmente en monte alto onde soe estar presente xunto con outras frondosas, sendo rara vez a especie dominante.

Castineiro_1_1_distribucion_europa

 

Distribución do castiñeiro en Europa
(Programa Europeo de Recursos Xenéticos Forestais)

En Europa ocupa importantes superficies en Francia, Italia, España, Portugal e Turquía. Nesta área de distribución natural a precipitación é superior a 600 mm anuais e nos climas máis cálidos a especie prefire as situacións en orientación Norte. É resistente ao frío do inverno pero sensible ás xeadas de primavera das que se defende brotando tarde; vive en chans ácidos e lixeiros con elevada materia orgánica.

Castineiro_1_1_distribucion_espana

 

Distribución do castiñeiro en España
(Terceiro Inventario Forestal Nacional)

En España presenta unha distribución descontinua, estendéndose principalmente por todo o Norte con área de influencia atlántica entre Galicia e Navarra, o que supón o 70 % da súa superficie total. Desaparece na rexión pirenaica e volve a aparecer na montaña catalá. Cara ó sur esténdese polas rexións centro-occidentais con núcleos importantes na comarca do Bierzo, Ávila, Salamanca e Extemadura. Aparece tamén en determinados núcleos de Andalucía como a Serra de Aracena, Serra Nevada e Serranía de Ronda. Existen pequenas masas nas illas occidentais Canarias. En canto  ás formas de cultivo da especie, pódese dicir en termos xerais que na zona norte os soutos enxertados están presentes no centro e no interior de Galicia, o monte baixo predomina en Asturias e o monte alto en toda a superficie pola capacidade da especie de rebrote e colonización. Na zona centro-occidental altérnase o monte baixo cos castañais de froito e no Sur predominan os castañais enxertados.

Os estudos sobre os recursos xenéticos do castiñeiro no Centro de Lourizán comezaron coa caracterización e selección de híbridos euro-asiáticos e das variedades tradicionais de castiñeiro cultivadas en Galicia. Posteriormente iniciáronse recoleccións de individuos e poboacións de C. sativa co obxectivo de estudar a variabilidade da especie na súa area de distribución occidental e de seleccionar xermoplasma do castiñeiro europeo a incluír no programa de mellora de castiñeiro para madeira e de portaenxertos. Na actualidade as actividades están centradas na creación dunha Poboación Principal de Mellora a longo prazo, na identificación de individuos con boas características para a produción de madeira e de portaenxertos e na conservación e caracterización das variedades tradicionais de castiñeiro.