EXPERTOS CHILENOS PARTICIPAN NA XORNADA SOBRE MELLORA XENÉTICA DO PINO EN GALICIA

EXPERTOS CHILENOS PARTICIPAN NA XORNADA SOBRE MELLORA XENÉTICA DO PINO EALICIA

A mellora xenética permitiría aumentar un 38 % o rendemento do piñeiro radiata

A semana pasada, durante a celebración da xornada sobre mellora xenética do piñeiro en Galicia que acolleu o CIF de Lourizán, tivemos o pracer de contar coa presenza de dous expertos chilenos no sector forestal: Fernando Dopellmann, director executivo da Cooperativa de Mellora Xenética forestal e director do Instituto de Bosques e Sociedade da Facultade de Ciencias Forestais da Universidade Austral de Chile, e Miguel Ángel Peredo, profesor da Universidade de Bío- Bío Chile e ex xefe da división en Bioforest S.L. da empresa de investigación de Forestal Arauco.

A xornada forma parte do convenio entre a Fundación Arume e a Xunta para mellorar a calidade dos piñeiros que crecen nos montes da comunidade, e precisamente nese tema centrouse a súa conferencia: de como a xenética pode contribuír a incrementar os rendementos de especies como o piñeiro radiata. Explicaron, por exemplo, que «mentres en Galicia o rendemento por hectárea e ano desta especie é duns 18 metros cúbicos, en Chile onde levan aplicando desde 1976 un programa de mellora xenética, é de 25 metros cúbicos, pero aplicando esas técnicas de mellora esa brecha podería acurtarse ou eliminarse». Iso supoñería un incremento dos rendementos de máis do 38 %. Tamén falaron sobre os programas de transferencia de material xenético cos que conta o seu país.

Chile, como explican desde a Fundación Arume, é unha das referencias mundiais en mellora xenética do piñeiro. A súa experiencia neste campo pode servir de apoio para lograr o obxectivo de Arume: acelerar en Galicia a mellora xenética das coníferas e poñer ao dispor dos propietarios forestais planta mellorada que logre mellores rendementos, ademais de ser capaz de facer fronte a enfermidades e pragas.

A xornada contou tamén coa presenza de Jacobo Aboal Viñas, Director da Axencia Galega da Industria Forestal, e José Luis Cabarcos Corral, Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.