INVESTIGACIÓN PARA ACELERAR A REXENERACIÓN DOS MONTES QUEIMADOS

INVESTIGACIÓN PARA ACELERAR A REXENERACIÓN DOS MONTES QUEIMADOS

Reportaxe do Telexornal Mediodía da TVG o 19.06.2018

Un incendio forestal non arrasa só a vexetación que cobre o chan. A microflora da terra tamén pode resultar moi afectada e iso fai que a vida do monte tarde moito en recuperarse. No Centro Forestal de Lourizán están a estudar a maneira de acelerar ese proceso de rexeneración inoculando no chan os micoorganismos perdidos.

Os incendios do outono pasado devastaron case toda a superficie forestal do Concello das Neves. Unha das zonas onde pegou máis duro foi nesta ladeira dos montes de Lentille, por iso os técnicos do Centro Forestal de Lourizán a incluíron nas áreas de intervención prioritaria para que se lle aplicara un tratamento de cobertura con palla. Co seguimento que están facendo constataron que iso reduciu nun 95% a erosión do chan. Agora o seu obxectivo é ver ata que punto a palla axuda tamén á recuperación da primeira vexetación, e de paso investigan como se podería apurar ese proceso natural. "Esperamos que esa recuperación que nos lugares queimados vai máis alá de dous anos, acurtala alomennos nun ano, para que o establecemento da cuberta arborea sexa máis rápido", di Cristina Fernández Filgueira, investigadora do Centro Forestal de Lourizán. 

A sementeira que están facendo con este tipo de aplicación semellante a do sulfatado reintroduce no ecosistema unha mestura de bacterias e fungos que reactiva os procesos naturais do solo. "O que fan é promover o desenvolvemento dos microorganismos que xa están no chan. Favorecen, por exemplo, a presenza de microrrizas que están nas raíces e axudan ao crecemento das plantas", di Teresa Fonturbel, a investigadora especializada en edafoloxía do Centro Forestal de Lourizán. 

A aplicación de biofertilizantes para usos agrícolas está ben estudada, pero non en espazos forestais. Así que os resultados que contan sacar de aquí antes de medio ano serán pioneiros a nivel mundial, aínda que a prioridade para este equipo de investigación é que sirvan sobre todo para axudar á recuperación dos montes queimados de Galicia.

Pode visualizarse no seguinte enlace: http://www.crtvg.es/informativos/investigan-como-acelerar-a-rexeneracio…