Vostede está aquí

MEDIO RURAL E INDITEX AVANZAN NA INNOVACIÓN E MELLORA FORESTAL DE GALICIA

Reunión Convenio Inditex
22 Setembro, 2017
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, acolleu unha nova xuntanza da comisión de seguimento do convenio asinado entre ambas partes para esta finalidade

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017.- A Consellería do Medio Rural e Inditex seguen a colaborar para impulsar o sector forestal galego a través dun convenio para o desenvolvemento do “Plan de Innovación e Mellora Forestal 2010-2020”. Ambas partes veñen de manter un novo encontro (o quinto) no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, para facer seguimento deste acordo.

Aproveitando a reunión, visitouse o laboratorio de xenética molecular, onde se explicou o proceso levado a cabo para identificar nos viveiros de Galicia as variedades tradicionais de castaña, o dispositivo experimental de lume forestal (Delfor) e finalmente unha  parcela ensaio de clons de cerdeira.

No encontro de traballo participaron o secretario xeral e do Consello da compañía, Antonio Abril, e o director de Sustentabilidade Ambiental da mesma, Antonio Álvarez, e –por parte da Xunta– o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, o director do centro de Lourizán, Enrique Martínez, e o secretario técnico do Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria (Ingacal), Alfonso Ribas.

O devandito Plan de Innovación e Mellora Forestal ten por obxectivo principal incrementar a produción e a calidade dos produtos forestais, entendidos como materia prima da industria forestal galega. Procura así mellorar a competitividade do eido forestal mediante unha xestión sustentable que garanta a conservación e a protección dos recursos e potencie o efecto dos bosques como sumidoiros de carbono. Trátase, en definitiva, de conseguir un equilibrio de usos dos montes baseado en criterios técnicos de multifuncionalidade que redunde de xeito positivo no contexto socioeconómico de Galicia.

Medio Rural e Inditex estableceron un réxime de colaboración para a aplicación deste plan, reforzando a estrutura do centro de Lourizán. O convenio persegue apoiar tres programas diferentes, centrados nos ecosistemas forestais, a mellora xenética e silvícola e a protección forestal. Ademais, o acordo aborda tamén a dotación de investigadores post-doctorais especialistas nas actividades previstas no plan e a formación de persoal investigador durante o seu período de vixencia.