MEDIO RURAL RENOVA A SÚA COLABORACIÓN CON INDITEX PARA CONTINUAR APOIANDO AS INVESTIGACIÓNS NO CIF DE LOURIZÁN

MEDIO RURAL RENOVA A SÚA COLABORACIÓN CON INDITEX PARA CONTINUAR APOIANDO AS INVESTIGACIÓNS NO CIF DE LOURIZÁN

MEDIO RURAL RENUEVA SU COLABORACIÓN CON INDITEX

A consellería e a empresa téxtil asinaron un convenio polo que a compañía se compromete a achegar un total de 600.000 euros ata 2020 para esta finalidade

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o secretario xeral e do consello de administración de Inditex, Antonio Abril, asinaron o 1 de decembro un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de Mellora e Innovación Forestal de Galicia. En virtude deste acordo, Inditex comprométese a achegar un total de 600.000 euros en tres anos (no período 2018-2020) para manter a cooperación coa Xunta en materia de fomento forestal.

Con este convenio dáse continuidade aos acordos asinados anteriormente (nos anos 2007, 2010 e 2014) entre ambas partes para o desenvolvemento dos proxectos de creación de áreas forestais de alto valor xenético e para a mellora xenética das principais especies forestais arbóreas de Galicia.

Así, este documento permitirá continuar apoiando o desenvolvemento dos programas Ecosistemas forestais, Mellora xenética, Mellora silvícola e Protección forestal do devandito plan, que impulsa Medio Rural. Ademais, os fondos consignados financiarán a dotación de investigadores pre-doctorais e post-doctorais especialistas nas actividades previstas, así como a formación de persoal investigador nos temas relacionados co acordo.

Trátase de incrementar os beneficios directos e indirectos dos nosos montes, tales como a obtención de materia prima, a protección e mellora do chan, a regulación do ciclo da auga, a conservación e incremento da biodiversidade e o intercambio e regulación de gases atmosféricos, en especial como sumidoiros de carbono e como provedores de biomasa para a xeración de enerxía con balance nulo de C02. Todo isto, en conxunto, supón a maior contribución positiva na loita contra o cambio climático.