O CENTRO DE INVESTACIÓN DE LOURIZÁN SÚMASE A UN PROXECTO EUROPEO PARA AVANZAR NA RESINACIÓN DOS PIÑEIROS

O CENTRO DE INVESTACIÓN DE LOURIZÁN SÚMASE A UN PROXECTO EUROPEO PARA AVANZAR NA RESINACIÓN DOS PIÑEIROS

O CENTRO DE INVESTACIÓN DE LOURIZÁN SÚMASE A UN PROXECTO EUROPEO PARA AVANZAR NA RESINACIÓN DOS PIÑEIROS

Foi invitado a participar no proxecto SustForest Plus polos avances que este centro dependente da Agacal fixo nesta materia

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán vén de sumarse ao proxecto europeo SustForest Plus “Estratexia e redes de colaboración para a multifuncionalidade, conservación e o emprego no territorio do sur de Europa a través da extracción da resina”. Esta adhesión prodúcese polos importantes avances realizados por este centro, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), no ámbito da resinación e que supuxeron a invitación por parte do propio coordinador do proxecto. En concreto, o CIF Lourizán formulou e desenvolveu un novidoso estimulante de base salicílica que permite reducir de xeito destacado a proporción de ácido sulfúrico na pasta que se utiliza nestes procesos e que se aplica nas picas (cortes que se realizan nas árbores para extraer a resina); o sistema de resinación consiste en aplicar a pasta estimulante a base de ácido sulfúrico inmediatamente despois de realizar a pica á árbore. Esta pasta disolve gradualmente a celulosa que tapona os canais resiníferos facendo que a resina comece a fluír. O CIF de Lourizán coa nova pasta ASACIF conseguiu ir diminuíndo a cantidade de ácido sulfúrico substituíndoo por ácido acetilsalicílico.

Na actualidade, este centro da Consellería do Medio Rural desenvolve diversos proxectos  relacionados coa investigación no sector da resina dirixidos á adaptación de diferentes métodos de resinación ás condicións dos montes galegos, á mellora da produtividade, á multifuncionalidade dos espazos forestais, á xenética forestal, á planificación, á silvicultura e á protección forestal. Neste caso, a aportación de Lourizán a esta investigación será importante pola súa participación nas liñas de mellora de compostos estimulantes e na difusión de resultados do proxecto no seu ámbito xeográfico.

O proxecto SustForest Plus, subtitulado “Estrategia y redes de colaboración para la multifuncionalidad, conservación y el empleo en el territorio del sur de Europa a través de la extracción de la resina” desenvólvese desde 2018 e está previsto que remate no 2021. Está cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e pretende mellorar os métodos de xestión conxuntos das fontes de resina natural do territorio Sudoe como recurso estratéxico e preferente para a industria, a creación de emprego e o uso racional dos recursos naturais.

O proxecto SustForest Plus conta como socios beneficiarios coas seguintes entidades: Fundación Centro de Servicios y Promoción Forestal y de su Industria de Castela e León (Cesefor), Centre Nacional de la Propriété Forestière (CNPF), European Forest Institute (EFI), Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA), Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária (INIAV), os municipios de Penela e Proença-a-Nova e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM). O proxecto tamén foi apoiado por outras entidades relacionadas co sector das resinas naturais e do terrorio Sudoe que participan en calidade de asociados no proxecto.

Así, coa incorporación do CIF Lourizán, o consorcio de SustForest Plus reforza as súas competencias de xeito moi significativo tanto en termos de capacidade científica como en representatividade territorial, xa que a iniciativa gaña presenza na comunidade autónoma galega.