O CIF DE LOURIZAN-AGACAL E A FUNDACIÓN JUANA DE VEGA ENTREGAN 300 CARBALLOS AUTÓCTONOS A SEIS ENTIDADES

O CIF DE LOURIZAN-AGACAL E A FUNDACIÓN JUANA DE VEGA ENTREGAN 300 CARBALLOS AUTÓCTONOS A SEIS ENTIDADES

A Xunta dispón doutras 3.615 árbores plantadas en viveiros a modo de reserva xenética

O CIF de Lourizan- AGACAL e a Fundación de Juana de Veiga fixeron entrega hoxe de 300 exemplares autóctonos de carballos a seis entidades co obxectivo de promover o uso e aproveitamento desta especie na nosa comunidade, a través do incremento de planta certificada, e contribuír á recuperación e conservación da biodiversidade xenética vexetal galega. Esta cesión procede dun convenio asinado entre ambas institucións a través do que se desenvolveu unha investigación para a mellora xenética do carballo galego denominada “Implantación de rodales selectos mellorados de carballo – Quercus robur– en terreos de titularidade da comunidade autónoma de Galicia”.

A iniciativa comezou en 2015 e xa deu os seus froitos. Así, tras a selección e recollida de landras nos rodais selectos, realizouse a semente en viveiros colaboradores e agora, catro anos máis tarde, xa se dispón de miles de exemplares que supoñerán unha reserva xenética do carballo galego. Este proxecto desenvolveuse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e foi subvencionado pola propia Fundación Juana de Veiga, que doou os 300 exemplares.

As organizacións beneficiarias foron a Comunidade de Montes Veciñal de Teis, a Comunidade de Montes Veciñal de Monte Xalo, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Bosques do Mandeo e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego. Ademais, a Consellería do Medio Rural dispón doutros 3.615 carballos en parcelas titularidade pública que garanten a conservación das castes autóctonas e funcionarán como reserva xenética.

No acto de hoxe, celebrado na sede da Fundación Juana de Veiga, en San Pedro de Nós, participou o presidente da Agacal, Manuel Rodríguez, e o seu homólogo da fundación, Enrique Sáez. Ademais, o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, explicou as distintas fases deste proxecto, os primeiros resultados e a súa continuidade no futuro a través da multiplicación in vitro destes exemplares.