O CIF Lourizán identifica familias galegas de piñeiro con alta resistencia ao nematodo

O CIF Lourizán identifica familias galegas de piñeiro con alta resistencia ao nematodo

Lourizán, 27 de xuño de 2016

O Centro de Investigación Forestal traballa dende 2013 na selección de árbores que sexan menos susceptibles ao ataque da praga. A mortaldade da especie polo nematodo oscila entre o 75% das familias máis susceptibles e o 10% das máis resistentes.

Lourizán, 27 de xuño de 2016.- O nematodo do piñeiro é unha espada de Damocles para o monte galego. Polo momento, a presenza da praga limítase aos focos detectados nas Neves (2010) e Salvaterra do Miño (2016), pero é unha incógnita se, no futuro, a expansión do problema pode ir a máis. Ante esa ameaza, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán leva catro anos traballando na identificación de familias galegas de piñeiro do país (Pinus pinaster) que presenten resistencias á praga. Este último ano comezou a trabajar tamén co piñeiro insigne (Pinus radiata). Os resultados iniciais da investigación mostran que hai familias de piñeiros que se comportan mellor ca outras, malia non haber ningunha que sexa totalmente inmune ao nematodo. “A mortaldade nos ensaios oscila entre o 75% das familias máis susceptibles e o 10% das máis resistentes”, explica a investigadora Raquel Díaz Vázquez, coordinadora do proxecto.

Aa identificación das árbores con mellores calidades fronte á praga representa unha liña de defensa para o monte galego no caso de que, nun futuro, Galicia teña que convivir co nematodo. En Portugal, ata 2008, as áreas afectadas por nematodo concentrábanse no sur do país, non máis ao norte dos arredores de Lisboa. Actualmente, as zonas con problemas chegan ata Oporto e mesmo máis ao norte, na área centro-interior. Polo tanto, non se pode descartar que a praga chegue a ter un impacto maior en Galicia, aínda que as condicións climáticas galegas, con menos calor durante a noite, son menos propicias, en principio, para a expansión do problema.

Investigación. A investigadora Raquel Díaz Vázquez, do CIF de Lourizán, coordina dende 2011 dous proxectos de investigación a nivel nacional sobre a enfermidade causada polo nematodo do piñeiro. Un dos proxectos, desenvolvido en Lourizán, céntrase na busca de plantas resistentes ao nematodo, mentres que o outro, a cargo da Universidade de Valladolid, está centrado no control do insecto vector do nematodo, o cerambícido Monochamus galloprovinciallis, insecto cun papel moi importante na enfermidade, xa que o nematodo non se despraza por si mesmo. O CIF de Lourizán está avaliando o comportamiento de arredor dunha centena de familias de piñeiros galegos que ten seleccionadas no marco do seu programa de mellora xenética da especie. A investigación desenvólvese nun invernadoiro do centro no que se inocula o nematodo en plantas de piñeiro dun mínimo de 2-3 anos. A instalación permanece totalmente illada do exterior por medio dunha dobre porta de acceso e de medidas de bioseguridade, a fin de evitar calquera saída accidental da praga.

Comparativas. A investigación de Lourizán, que conta con financiación de organismos públicos e de Inditex, está avaliando tamén os resultados que conseguen as familias galegas de Pinus pinaster e de Pinus radiata en comparación con outras especies, como o piñeiro piñoneiro (Pinus pinea), o piñeiro carrasco (Pinus halepensis), o piñeiro canario (Pinus canariensis), o piñeiro silvestre (Pinus sylvestris) -tamén presente en zonas de montaña de Galicia-, e o piñeiro taeda (Pinus taeda). Este último, o piñeiro taeda, é unha especie americana resistente ao nematodo, malia coñecerse pouco sobre o seu posible comportamento na comunidade. “En principio, a mellor opción é a identificación de familias autóctonas de especies que xa se sabe que están ben adaptadas a Galicia, como o piñeiro do país ou o insigne, e que teñan un bo comportamento ante a praga”, valora a investigadora Raquel Díaz Vázquez.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa ten bastante avanzado ese traballo e, nos próximos anos, prevé afinar as conclusións de cara a ofrecer recomendacións futuras sobre as familias de piñeiros que mellor responderían ante a presenza da praga en Galicia.

http://www.campogalego.com/forestal/o-cif-lourizan-identifica-familias-galegas-de-pineiro-con-alta-resistencia-o-nematodo/