Vostede está aquí

O XARDÍN BOTÁNICO DE LOURIZÁN NOVO SOCIO DA ASOCIACIÓN IBERO-MACARONÉSICA DE XARDÍNS BOTÁNICOS

O XARDÍN BOTÁNICO DE LOURIZÁN, NOVO SOCIO NUMERARIO DA ASOCIACIÓN IBERO-MACARONÉSICA DE XARDÍNS BOTÁNICOS
13 Xuño, 2022
O seu nomeamento fíxose no XVI Congreso da asociación en Madrid, nun acto ao que asistiu o director do CIF de Lourizán e un do seus investigadores

O xardín Botánico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF Lourizán) foi nomeado socio numerario da Asociación Ibero-Macaronésica de Xardíns Botánicos. Esta  organización agrupa a 38 xardíns botánicos, situados ao longo da Península Ibérica, incluíndo os territorios  macaronésicos das illas Canarias, as illas Azores e Madeira.  Trátase dunha rede comprometida coa investigación, difusión, educación e conservación da diversidade vexetal, que ten como finalidade  principal  promover e coordinar  proxectos  en común, impulsando o intercambio de coñecementos, experiencias, documentación e material vexetal.

Esta distinción fíxose efectiva durante a asemblea xeral da entidade, dentro do seu XVI Congreso, que se celebrou en Madrid os días 7 e 10 de xuño. Ao Congreso asistiron en calidade de representantes Enrique Martínez Chamorro, director do CIF de Lourizán, e Francisco Javier Silva Pando, Xefe do Departamento de Protección forestal deste mesmo centro. 

O Xardín de Lourizán conta con 52,5 hectáreas de terreo onde dispón, en sendos  arboretos, da maior colección de coníferas e eucaliptos de Europa con máis de 200 especies e subespecies. Ademais, na actualidade ten máis de 850 especies catalogadas, a maioría árbores e arbustos que integran a colección máis importante de toda Galicia e tamén das máis numerosas de España.

Coa entrada do Xardín Botánico do CIF de Lourizán nesta asociación, Galicia terá por primeira vez representación nesta prestixiosa rede.