OS CIENTÍFICOS QUE TRATAN DE SALVAR OS CASTIÑEIROS

No 2014, case sen tempo para caer na conta da chegada da Vespa velutina, outro insecto daniño de orixe asiática tomaba terra en Galicia. É un insecto minúsculo (os adultos apenas superan o milímetro) pero letal; o Dryocosmus kuriphilus, a xa coñecida como avespa do castiñeiro, detectouse por primeira vez en Galicia en maio dese ano. O seu avance está sendo imparable e causa xa serios danos nos castiñeiros (Castanea sativa), árbores emblemáticas que enchen de soutos gran parte do leste de Galicia. En total, ocupan unhas 60.000 hectáreas.
Todo esforzo científico é pouco ante a voracidade da praga, que xa invadiu practicamente todo o territorio galego. Polo menos, a diferenza da velutina, contra o D. kuriphilus existe un aliado: o Torymus sinensis, un parasitoide específico da vespa do castiñeiro que xa se empregou noutros países e que parece ser efectivo para deter o avance do invasor.
Hai unhas semanas, os investigadores do Departamento de Silvicultura e Mellora do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán indicaron que a resistencia total á avespa é frecuente entre os híbridos de castiñeiros galegos. Por tanto, a loita mediante mellora xenética vai ser tamén unha boa aliada contra a praga. Neste centro posúen as coleccións dos primeiros clons híbridos inter-específicos (C. sativa x C. crenata) obtidos en Galicia, parte do cales foron aprobados como Materiais Forestais de Reprodución.
A nova ao completo pode lerse no seguinte enlace:
https://www.gciencia.com/medioambiental/cientificos-salvan-castineiros/