PROPOSTA DO CIF DE LOURIZÁN PARA O APROVEITAMENTO RESINEIRO EN GALICIA

As experiencias de extracción de resina difúndense por toda a comunidade
As iniciativas de resinado extendéronse nos últimos anos por toda a comunidade, con arredor dunha vintena de personas desenvolvendo experiencias en distintos puntos (Santiago, Ortigueira, Muxía, Friol, Mondoñedo, etc.). A aposta máis forte por facer do resinado unha actividade rendible no monte está a dala a comunidade de montes de Baroña, en Porto do Son, que se iniciou o pasado ano coa resina e que este ano prevé aproveitar arredor de 15.000 piñeiros.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que leva tempo realizando ensaios de resinado, vén de publicar un tríptico no que propón un modelo de aproveitamento da resina para Galicia en base aos datos obtidos nos últimos anos das súas investigacións.
A recomendación do centro oriéntase a un aproveitamento nos 2-3 anos anteriores á corta, se ben tamén existe a posibilidade de facer as chamadas ‘resinacións a vida’, durante máis anos e traballando só unha cara anual, un sistema que pode garantir unha maior continuidade no traballo nun mesmo piñeiral.
Outra alternativa que estuda Lourizán é o método Borehole, que consiste en facer un burato conectado a unha bolsa na que se recolle a resina. A cantidade obtida é moi inferior, pero ten gran pureza e reduce moito o traballo do resineiro, posibilitando unha maior compatiblidade da resinación con outras actividades forestais.
Poden atopar máis información no seguinte enlace:
http://www.campogalego.com/forestal/o-resinado-asentase-como-actividade…