Realización do “Obradoiro sobre xestión preventiva dos combustibles forestais”

Durante os pasados días 14 e 15 do presente mes tivo lugar no Centro de Investigación Forestal de Lourizán un “Obradoiro sobre xestión preventiva dos combustibles forestais” para reducir a severidade dos incendios forestais.
Lourizán, 16 de xuño de 2016.- Este evento permitiu a difusión dos resultados das últimas investigacións realizadas nesta área por diversos grupos de ámbito nacional e, á vez, compartir a experiencia dos xestores forestais que están a traballar tamén neste eido. Neste foro, presentáronse os novos modelos de combustibles forestais, desenvolvidos por investigadores do Centro de Investigación Forestal da Consellería de Medio Rural y da Escola Politécnica de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela. Estes modelos supoñen un avance respecto á situación actual e agárdase que servan de axuda para mellorar os tratamentos de combustible e apoiar as decisións técnicas nas tarefas de extinción de incendios.
O obradoiro reuniu a un numeroso grupo de técnicos forestais e investigadores do ámbito nacional. Ricardo Vélez, da Sociedade Española de Ciencias Forestais, elaborou as conclusións do obradoiro, que foi clausurado por Tomás Fernández-Couto, Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal, quen resaltou a importancia que este tipo de reunións ten para mellorar a xestión forestal.
O obradoiro foi organizado polo Centro de Investigación Forestal da Consellería de Medio Rural coa colaboración do Instituto Galego de Calidade Alimentaria, o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria e la Axencia Galega de Innovación.