Xornada sobre estaquillado semileñoso de castiñeiro e cerdeira (6 de Xuño de 2014)

Xornada sobre estaquillado semileñoso de castiñeiro e cerdeira

A propagación de clons de castiñeiro realízase dende hai varias décadas por varios métodos -o acodo baixo, o estaquillado e as diferentes técnicas de cultivo in vitro- todos eles moi válidos segundo as condicións e obxectivos.

No Centro de Investigación Forestal de Lourizán emprégase o estaquillado semileñoso de castiñeiro dende 1991. A técnica é aplicable á propagación en masa de portaenxertos ou de clons para madeira con boa aptitude á propagación.

O estaquillado semiherbáceo da cerdeira desenvólvese no Centro de Investigación Forestal de Lourizán dende hai anos con bos resultados para a clonación de individuos candidatos a materiais de base para a produción da preciosa madeira de cerdeira.

No proceso de estaquillado distínguense varias fases: a selección e formación de plantas nai de estaquilla, o enraizamento de estaquillas co emprego de auxinas e o control das condición ambientais que aporten a humidade e luminosidade necesaria para o proceso de enraizamento.

En xeral, o estaquillado é un sistema que precisa de máis infraestruturas que o acodo e de menos que o cultivo in vitro. Presenta algunhas vantaxes como son a facilidade de cambio dos clons a cultivar diferentes anos ou a facilidade do control sanitario das plantas nai.