Castanetum

Castanetum

Castanetum

En diferentes áreas do recinto da leira de Lourizán, atópanse rodais de castiñeiro xaponés (Castanea crenata) e de castiñeiro chinés (Castanea mollissima), bancos clonais de híbridos entre especies, fundamentalmente C. crenata × C. sativa, e unha colección de variedades tradicionais galegas (Castanea sativa) inxertadas. Estes materiais foron introducidos en diferentes períodos dende a fundación do CIF ata a actualidade, ao tempo que se iniciaban diferentes liñas de investigación.

A finais dos anos 40, plantáronse tres rodais de castiñeiro xaponés (C. crenata) (rodal A: estrada de acceso á leira, subindo á dereita; rodal B: sobre a mesa de pedra; rodal C: sobre a pista, subindo a Agrovello) e un rodal de castiñeiro chinés (C. mollissima), situado entre a pista, Agrovello e o regato de Agrovello, que baixa ao Parque das Rías. Estes rodais proceden de poboacións do País Vasco plantadas entre 1917 y 1940. Os rodais están constituidos por individuos das especies puras, salvo algunha excepción, como algún híbrido procedente de polinización de castiñeiros xaponeses por castiñeiro europeo producidos de forma natural, probablemente nos rodais do País Vasco de onde viñeron as sementes orixinais. Moitos individuos de castiñeiro chinés foron morrendo, o cal mostra a escasa lonxevidade desta especie.

A denominada Fila Molina, plantada cara o ano 1948, constaba orixinariamente de 16 árbores. As doce primeiras son catro series de medios irmáns cada unha: a primeira planta é un C. sativa; a segunda, un híbrido interespecífico; a terceiro é un C. crenata. É útil apreciar as diferencias en vigor e conformación das dúas especies parentais, C. sativa e C. crenata, e o elevado vigor dos híbridos entre ambas as dúas.

Os bancos clonais de castiñeiro están constituídos por 177 clons; a maioría son híbridos F1 de C. crenata x C. sativa da colección realizada por Urquijo na Estación de Fitopatoloxía da Coruña mediante polinizacións controladas; 106 clons son híbridos F2 e F3 de C. crenata x C. sativa de polinización libre obtidos, en gran medida, dos híbridos realizados por Gallástegui na Misión Biolóxica de Galicia (Salcedo, Pontevedra). Os bancos clonais existentes foron plantados a partires de 1995 na zona da leira denominada Mantequera, Pastizal e Vega do Cocho, nunha reorganización dos materiais existentes previamente, que chegaran ao Centro entre 1958 e 1962.

A colección de cultivar de castiñeiros tradicionais é unha colección dos cultivares galegos máis importantes plantada en 1997, a partir das prospeccións realizadas en Lourizán dende 1989. Está constituída por 16 cultivares e plantada na leira denominada Agrovello.