- Inicio
- Centro
- Departamentos
- Portaenxertos
Portaenxertos
PORTAENXERTOS
Os portaenxertos empregados tradicionalmente (plantas procedentes de sementes de Castanea sativa nacidas no mesmo souto) seguen sendo válidos nas novas plantacións que se vaian realizar nas zonas con menores riscos de danos pola enfermidade da tinta, ocasionada por fungos do xénero Phytophthora. Malia a súa sensibilidade a esta enfermidade, son os que, de feito, soportan os enxertos dos soutos existentes na actualidade; entre eles os soutos do centro de Galicia, situados en zonas cunha certa probabilidade de danos por tinta. En moitos casos, eses portaenxertos son descendentes da mesma variedade enxertada e, en todo caso, pertencen á especie C. sativa. Nesta situación o máis frecuente é a compatibilidade portaenxertos/enxerto sen ou con diferenzas de vigor entre ambos compoñentes. Engrosamentos moi esaxerados poden ser síntoma de incompatibilidade.
Non obstante, debido á elevada sensibilidade á enfermidade da tinta dos portaenxertos de C. sativa, convén empregar portaenxertos resistentes polo menos nas zonas nas que Phytophthora ten máis probabilidades de causar danos. Este fungo, introducido en Europa hai moitos séculos dende as zonas subtropicais de Asia, infecta os sistemas radicais das árbores do castiñeiro europeo (C. sativa), que adoitan por acabar morrendo. As especies asiáticas de castiñeiro son resistentes á enfermidade, motivo polo que durante as primeiras décadas do século XX se fixeron introducións de sementes de castiñeiro xaponés (Castanea crenata) e de castiñeiro chinés (Castanea mollissima). A elevada incompatibilidade ao enxerto entre as especies asiáticas e as variedades cultivadas do castiñeiro europeo levou á iniciación, alá por 1920, das hibridacións entre o castiñeiro europeo e as especies asiáticas. Outro motivo da hibridación foi a menor resistencia ao frío e á seca estival do castiñeiro xaponés, que foi a especie máis introducida. No mercado das plantas de viveiro hai dispoñibles numerosos clons resistentes a Phytophthora. A maior parte destes son híbridos entre o castiñeiro xaponés e o castiñeiro europeo. Aínda que algúns deles son compatibles ao enxerto coas variedades tradicionais de C. sativa, descoñécese o comportamento neste aspecto de parte dos clons existentes nos viveiros. Por outra parte, sábese que hai importantes problemas de incompatibilidade entre C. sativa e un gran número de híbridos tipo C. crenata x C. sativa.
Clons recomendados
Hai un número de clons propagados nos viveiros privados sobre os que existe información positiva de compatibilidade ao enxerto coas variedades de C. sativa. Os máis probados son os clons 7521, 111, 1482, 1483, 2671, 760 e 125. Outros clons dispoñibles nos viveiros dos que hai certa información de boa compatibilidade, aínda que debe ser comprobada, son os clons 3, 7810, 90025, 324 e 592.
Táboa 3. Características dos portaenxertos clonais do castiñeiro híbrido.
Clon | Xenealoxía | Compatibilidade ao enxerto | Vigor intrínseco | Aptitude á propagación vexetativa | Resistencias | |||||||
Código NPCCL | Nome | MB forestais | Dispoñible | Aporcado | Reprodución por gallos e cultivo in vitro | Phytophthora | Seca estival | Asolagamento | Frío | |||
CCL-162 | 7521 | x | x | F1(Cc x Cs) | comprobada | vigoroso | moi boa | aceptable | RR | R | r | R |
CCL-33 | 111-1 | x | x | F2; BC(Cc x Cs)Cs | comprobada | moderado | variable | moi boa | RR | s | r | r |
CCL-179 | 1482 | x | x | F1(Cc x Cs) | comprobada | moderado | aceptable | aceptable | RR | – | – | r |
CCL-180 | 1483 | x | x | F1(Cc x Cs) | comprobada | moderado | aceptable | aceptable | r | – | – | r |
CCL-136 | 2671 | x | x | F2; BC(Cc x Cs)Cs | comprobada | vigoroso | variable | moi boa | r | s | R | R |
CCL-192 | 760 | x | F1(Cc x Cs) | comprobada | vigoroso | aceptable | boa | s | r | R | r | |
CCL-137 | 125 | x | x | F1(Cc x Cs) | comprobada | moderado | moi boa | – | ms | – | – | r |
CCL-184 | 3 | x | x | F1(Cc x Cs) | indicios positivos | moderado | moi boa | aceptable | R | – | – | R |
CCL-193 | 7810 | x | x | F2; BC(Cc x Cs)xCs | indicios positivos | vigoroso | moi boa | aceptable | R | R | R | r |
CCL-149 | 90025 | x | x | F1(Cc x Cs) | indicios positivos | vigoroso | moi boa | aceptable | s | R | r | r |
CCL-181 | 324 | x | F1(Cc x Cs) | indicios positivos | – | aceptable | aceptable | R | – | – | r | |
CCL-188 | 592 | x | F2; BC(Cs) | indicios positivos | moderado | boa | aceptable | R | r | R | – |