CONCLUSIÓNS DA XORNADA TÉCNICA SOBRE A AVESPIÑA DO CASTIÑEIRO CELEBRADA NO CIF DE LOURIZÁN

CONCLUSIÓNS DA XORNADA TÉCNICA SOBRE A AVESPIÑA DO CASTIÑEIRO CELEBRADA NO CIF DE LOURIZÁN

Nova publicada na web Campo Galego o 22.11.2019

A xornada sobre a avespiña do castiñeiro celebrada en Lourizán concluíu cunha mesa redonda na que participaron tres representantes de distintas comarcas de castaña de Galicia, Román Sanchez, da cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), que confirmou a alta sensibilidade da variedade De Parede á praga nos Ancares lucenses; Óscar Freire, da cooperativa Amarelante (Manzaneda, Ourense); e José Manuel Guerra, técnico da Asociación A Castaña (A Gudiña, Ourense). Xunto a eles interviu tamén un representante da IXP Castaña de Galicia, e Martel Muñoz-Cobos, de Medio Rural.

Unha das cuestión que se deixaron patente desde o sector produtor é a necesidade de informar e implicar ós propietarios dos soutos sobre a loita contra a avespiña do castiñeiro. “Hai que involucrar á poboación, explicar que soltas se están facendo e que se pode facer e que non nos soutos onde hai ‘Torymus’ liberados”, sinalou Óscar Freire, que lamentou que arredor do 70% dos castiñeiros de Manzaneda estean abandonados, tendo en conta o seu potencial de xeración de rendas.

Tamén participou no evento o investigador italiano Alberto Alma, especialista no combate da praga no país transalpino, o que trasladou unha mensaxe optimista para os soutos galegos: “A solta de ‘Torymus é efectiva, pero hai que esperar un tempo para ver os resultados”. En Italia, a avespiña do castiñeiro chegou a causar perdas na produción de castaña de arredor dun 80% da colleita. A praga deixou os soutos italianos moi debilitados a comezos do século XXI, pero na actualidade a recuperación chegou ata tal punto que desde o 2016 xa non se fan soltas en Italia de ‘Torymus sinensis’, o insecto encargado de combatir a praga.

Poden ler a nova ao completo no seguinte enlace: http://www.campogalego.com/forestal/en-seis-anos-loita-bioloxica-pode-resolver-o-problema-da-avespina-castineiro/