O CIF DE LOURIZÁN CATALOGA SEIS PROXENITORES DE FAMILIA DE PIÑEIRO DO PAÍS RESISTENTES Ó NEMATODO DO PIÑEIRO

Tres dos xenotipos do programa de mellora xenética do piñeiro do país xeraron os seis novos proxenitores de familia cunha maior resistencia ó nematodo, os cales encontránse nos hortos sementeiros de Cordal da Loba e A Braxe.
O pasado 16 de abril publicouse no DOG (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200416/AnuncioG0426-020420-0001_es.html) a inclusión no Rexistro Galego de Materiais de Base dos seis novos proxenitores de familia de Pinus pinaster. Segundo os ensaios feitos neste centro, ditos proxenitores teñen unha supervivencia dun 76-81% ao nematodo do piñeiro. Este valor é superior ao 61% que presentan como media outras familias estudadas. Ademais, estes proxenitores presentan bos crecementos en volume, sendo este un 11-28% maior cos materiais galegos catalogados como identificado (etiqueta amarela) e dun 1-16% maior co procedente do horto sementeiro de Monfero (etiqueta rosa). Estes valores de mellora en crecemento obtivéronse en base á información de 10 ensaios de campo situados por todo o territorio galego.
Os resultados da maior supervivencia ao nematodo obtievéronse tras analizar cinco ensaios de inoculación nos invernadoiros do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF Lourizán). Nestes ensaios empregouse planta de 2-4 anos de idade e mantivéronse unhas condicións de temperatura moi favorables para o desenvolvemento da enfermidade do murchamento do piñeiproducida polo nematodo.
Debido a que os exemplares destes proxenitores de familia encóntranse nos hortos sementeiros de A Braxe e Cordal da Loba, e xa son adultos, desde o presente ano xa se pode recoller semente de ditas árbores. Grazas a isto, ao longo deste ano é moi posible que a semente destes novos proxenitores poda ser fornecida aos viveiros. Estas novas plantas permitirán facer plantacións de piñeiro do país que se espera resistan mellor o nematodo do piñeiro.
No CIF Lourizán o equipo formado por María Menéndez, Eva Prada, Sergio Frade e Ricardo Ferradás, encabezado por Raquel Díaz e todos eles dirixidos por Enrique Martínez, director do CIF Lourizán, continúan a avanzar nos traballos de mellora xenética fronte ao nematodo e para o incremento doutros caracteres como volume e rectitude, entre outros.