-
- Áreas
- Área de silvicultura e mellora xenética forestal
- Proxectos
- A.C. Rootstock
A.C. Rootstock
A.C. Rootstock
Tipo de proxecto
Proxecto de investigación
Organismo financiador
Acción Cooperación da Consellería de Medio Rural. Xunta De Galicia. Cofinanciado pola UE
Entidades participantes
Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor), IXP-Castaña de Galicia
Período
2024 – 2026
Equipo de investigación
Resumo
Orzamento: 132.247 €
Resumo: O CIF-Lourizán ten seleccionados 22 candidatos a portaenxertos, obtidos mediante mellora xenética, resistentes á tinta e con mellores adaptacións climáticas que os actuais portaenxertos comercializados, que presentan problemas na súa implantación no centro e interior de Galicia. No tempo en que estes materias completen o proceso de alta no Rexistro de Variedades Comerciais é imprescindible garantir que son totalmente compatibles ao enxerto, que a súa propagación vexetativa é altamente viable e procurar, na medida do posible, que sexan tolerantes ao cancro e a outras posibles afeccións do castiñeiro. Co obxectivo de trazar unha transferencia garantista destes produtos ao sector, nesta Acción de Cooperación (AC) proponse a avaliación comparativa das distintas técnicas de propagación vexetativa así como determinar a compatibilidade temperá mediante enxerto en verde e a incorporación sistematizada dunha novidosa técnica histolóxica para a predición de incompatibilidade tardía. Tamén se fará un seguimento sanitario deste material, avaliando o grao de tolerancia a determinados patóxenos e, finalmente, coa a cooperación da IXP-Castaña de Galicia, farase a instalación dunha parcela piloto que incorpore a selección final dos candidatos, enxertados coas variedades de maior interese comercial, o que permitirá corroborar in situ o bo comportamento deste material nunha zona produtiva de castiñeiros.
A optimización nesta AC consiste, por tanto, en reducir os tempos de transferencia dos novos patróns híbridos, incrementando ao tempo a garantía da calidade do material e a súa utilidade para aportar solucións directas ao sector. Incorpóranse innovacións que radican no establecemento dunha técnica de predición temperá de compatibilidade ao enxerto en castiñeiro e no desenvolvemento final de novos produtos mellorados xenéticamente. Dito doutro xeito, unha vez aprobados os novos materias, os viveiros xa coñecerán o comportamento destes híbridos e poderán elixir os que mellor se adapten ao seu sistema de produción, e os produtores terán unha maior garantía de adaptabilidade climática, sanidade e compatibilidade ao enxerto que reducirá considerablemente as perdas que se producen actualmente por estes motivos, e que levan en ocasións á morte súbita de árbores xa ben formados.