-
- Xardín botánico
- Coleccións
- CASTANETUM
CASTANETUM
CASTANETUM
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán conta cunha gran colección de materiais de castiñeiro de orixe moi diversa. Pódense atopar mouteiras de castiñeiro xaponés (Castanea crenata) e de castiñeiro chinés (Castanea mollissima) e bancos clonais de híbridos entre especies, fundamentalmente C. crenata × C. sativa. Estes materiais foron introducidos en diferentes períodos desde a fundación do CIF ata a actualidade, ao tempo que se iniciaban diferentes liñas de investigación.
A finais dos anos 40, plantáronse tres mouteiras de castiñeiro xaponés (C. crenata) (rodal A: estrada de acceso á leira, subindo á dereita; rodal B: sobre a mesa de pedra; rodal C: sobre a pista, subindo a Agrovello) e un rodal de castiñeiro chinés (C. mollissima), situado entre a pista hacia Agrovello e o regato de Agrovello, que baixa ao Parque das Rías. Estas mouteiras proceden de poboacións do País Vasco plantadas entre 1917 y 1940. As mouteiras están constituídos por individuos das especies puras, salvo algunha excepción, como algún híbrido procedente de polinización de castiñeiros xaponeses por castiñeiro europeo producidos de forma natural, probablemente nas mouteiras do País Vasco de onde viñeron as sementes orixinais. As especies de castiñeiro xaponés e chinés foron introducidas porque son tolerantes ou resistentes a enfermidade da tinta producida por Phytophthora cinnamomi Rands, un fungo oomiceto que habita principalmente en zonas de temperatura suave e a alta humidade como a costa galega. Estas especies exóticas foron empregadas polos investigadores Cruz-Gallástegui nos anos 20 e 30 do século pasado e por Urquijo Landaluce nos anos 50 e Viéitez nos anos 60 do século XX para crear híbridos entre as especies de castiñeiro europeo e as especies asiáticas. A meirande parte destes híbridos presentan unha tolerancia ou resistencia a estas enfermidades.
A denominada ”Fila” Molina, plantada cara o ano 1948, constaba orixinariamente de 16 árbores. As doce primeiras son catro series de medios irmáns cada unha: a primeira planta é un C. sativa; a segunda, un híbrido interespecífico; a terceiro é un C. crenata. É útil apreciar as diferencias en vigor e conformación das dúas especies parentais, C. sativa e C. crenata, e o elevado vigor dos híbridos entre ambas as dúas.
A colección de castiñeiro híbrido plantada en marzo 1979 por Gabriel Toval, antigo director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, inclúe un total de 72 clons diferentes cun número variable de réplicas. Atópase ó lado da plantación de Castanea mollissima. Esta plantación, que inicialmente contiña 337 árbores, inclúe unha pequena parte dos híbridos que foron creados polos investigadores Cruz-Gallástegui, Urquijo Landaluce e Viéitez e mostra o bo crecemento.